Thursday 02 de May de 2024

O PP de Culleredo advirte que o pavillón de Tarrío deteriórase día tras día mentres continua sen novo proxecto de rehabilitación


∙ A simple actualización de prezos que pretende realizar José Ramón Rioboo é “totalmente insuficiente. Necesítase un proxecto novo que recolla as verdadeiras necesidades que os clubs manifestaron en numerosas ocasións”, sinalan desde o Grupo Popular.

∙ Os populares consideran inaceptable esta demora que afecta moi seriamente aos clubs, á súa imaxe e á súa economía, tendo que facer fronte a numerosas sancións federativas polo pésimo estado do pavillón.

O Partido Popular de Culleredo volveu a incidir na urxente necesidade de sacar “dunha vez por todas un novo e renovado proxecto para a rehabilitación integral de Tarrío”.

Desde que a empresa que ía realizar as obras, xa en 2021, renunciase a elas “pola pésima xestión que o Goberno Local fixo de todo o proxecto, o PP de Culleredo non deixou de pedir que se emendasen os defectos do proxecto orixinal e as carencias que nel detectaron os clubs, o máis axiña posible”, sinala o seu concelleiro, Carlos Leites.

As condicións nas que se seguen realizando as competicións deportivas de distintos deportes e categorías, en Tarrío, son realmente “preocupantes. Os clubs que nos visitan mostran, en moitas ocasións, o seu asombro por ter que competir nunha instalación destas
características, con pingueiras, gretas, vestiarios insuficientes e en mal estado, nula accesibilidade e un longo #etc de carencias”, advirten os populares.

Un mal estado que, por desgraza, non só se dá en Tarrío. Son numerosas as instalacións deportivas municipais necesitadas de importantes reformas e mantemento. “Mantemento tanto correctivo como preventivo”, recalca Leites, “se se puxese en marcha o Plan Integral de Mantemento que logramos aprobar por unanimidade en setembro, lograriamos polo menos frear a progresiva deterioración de moitas instalacións”.
O Partido Popular insiste en afirmar que non cejarán no seu empeño de ver “un novo Tarrío á altura dos clubs que o utilizan e dos veciños e afeccionados que o visitan en cada competición”.

Deja un comentario